Vistas de página en total

Powered By Blogger

viernes, 13 de enero de 2012

Coa morte do dia

Rabuñan a alaranxada prata

bicos da flor do toxo.

Róubanlles os ventos mareiros

os rumoreos últimos do sal;

das gorxas, os derradeiros choros.




E van acariciar os beizos

abertos nas noites escuras.

E agardando fican as estrelas,

polo lume nos peitos,

a humidade esquecida coa lúa.




Sopran azul dos seus raios

nas pestanas namoradas do ceo,

mergulladas no xeo alborado,

perladas de ardentes cristais,

ansiando voar do frío cemento.



Que afoga as gargalladas ó Sol

ó non mirar nas mañás os campos,

surcados por brazos de ferro,

rachados de valeiro sen tempo

e o gris sen laranxas,

sen estrelas,

sen ceo.

viernes, 16 de diciembre de 2011

E apagouse a noite enteira

Este foi o cinto que cinguiu brancos srrisos.
Estas, as meixelas de bágoas arrefriadas por tenros rumores.
Os corceis brancos víronse mouros de nubes escuras.
Os pétalos que cobriron os camiños, voaron.
Foi o vento.
E con el, as futuras palabras,
E os sorrisos e bicos, fuxiron.
E as pombas perdéronse das túas promesas.
E as miñas esquecéronse no profundo do ceo.
E apagouse dun sopro esa estrela.
E esa praia.
E apagouse a noite enteira.
E do frondoso do musgo cobreuse un recordo.
Pero, non, as novas froles
Non naceron.

Toxo e xesta, deica Fisterra.

martes, 1 de noviembre de 2011

Dun, a outro serán.

Camiño a Olveiroa

Corren dos piñeiros as follas, dun a outro serán,
E a brisa... A brisa aloumiña a noite, e da noite ó día.
Flores que flúen e flotan aflixidas por verse flutuar no mesmo fluxo có río,
E altas ás que alteran alerta a mesta paisaxe.

Vira entre danzas o ar para envolver a quen do teu perfume vive;
Que este miar non é senon das túas mans, dozura.

Naceu despois orballo de verdes, alimento d'alborada
E xa morreron ardentes as pegadas de ceo, por bicos escritas.
Arden e agardan arduamente.
Agardan a que corran dos piñeiros as follas,
Dun, a outro serán.

domingo, 30 de octubre de 2011

Tanto coma fomos.



E ti,

En que te converteches?
Onde foron os teus lóstregos d'iris?
Que foi do teu soave sorriso d'area?
Onde, mans de corais?

E se xa só quedan agullas de sangue.
Se xa, só, gotas da sal...
E só o noso bater afogado en lembranzas.
Quedo murmurio á saudade;
Nostalxia e anacos de cristal.

Levantáronse as miradas.
Erguéronse por sempre.
E ela cobreunos co seu manto de rocha,
da humidade que non partirá máis.

E se che preguntas en qué te converteches,
Mira as miñas palabras,
E eu escoitarei ás bágoas.
As túas, tranquilo. As túas voarán.
E, lonxe,
voum'achar.

Si, estou lonxe,
E síntoo se hoxe
xa non voltarei.
Xamáis.