Vistas de página en total

Powered By Blogger

viernes, 16 de diciembre de 2011

E apagouse a noite enteira

Este foi o cinto que cinguiu brancos srrisos.
Estas, as meixelas de bágoas arrefriadas por tenros rumores.
Os corceis brancos víronse mouros de nubes escuras.
Os pétalos que cobriron os camiños, voaron.
Foi o vento.
E con el, as futuras palabras,
E os sorrisos e bicos, fuxiron.
E as pombas perdéronse das túas promesas.
E as miñas esquecéronse no profundo do ceo.
E apagouse dun sopro esa estrela.
E esa praia.
E apagouse a noite enteira.
E do frondoso do musgo cobreuse un recordo.
Pero, non, as novas froles
Non naceron.

Toxo e xesta, deica Fisterra.

martes, 1 de noviembre de 2011

Dun, a outro serán.

Camiño a Olveiroa

Corren dos piñeiros as follas, dun a outro serán,
E a brisa... A brisa aloumiña a noite, e da noite ó día.
Flores que flúen e flotan aflixidas por verse flutuar no mesmo fluxo có río,
E altas ás que alteran alerta a mesta paisaxe.

Vira entre danzas o ar para envolver a quen do teu perfume vive;
Que este miar non é senon das túas mans, dozura.

Naceu despois orballo de verdes, alimento d'alborada
E xa morreron ardentes as pegadas de ceo, por bicos escritas.
Arden e agardan arduamente.
Agardan a que corran dos piñeiros as follas,
Dun, a outro serán.

domingo, 30 de octubre de 2011

Tanto coma fomos.



E ti,

En que te converteches?
Onde foron os teus lóstregos d'iris?
Que foi do teu soave sorriso d'area?
Onde, mans de corais?

E se xa só quedan agullas de sangue.
Se xa, só, gotas da sal...
E só o noso bater afogado en lembranzas.
Quedo murmurio á saudade;
Nostalxia e anacos de cristal.

Levantáronse as miradas.
Erguéronse por sempre.
E ela cobreunos co seu manto de rocha,
da humidade que non partirá máis.

E se che preguntas en qué te converteches,
Mira as miñas palabras,
E eu escoitarei ás bágoas.
As túas, tranquilo. As túas voarán.
E, lonxe,
voum'achar.

Si, estou lonxe,
E síntoo se hoxe
xa non voltarei.
Xamáis.